Noticias


17/05/2012

ORDE do 10 de abril de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás pemes para o financiamento de actuacións destina

De conformidade co plan de traballo iniciado no ano 2010, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas fai pública unha nova convocatoria de axudas, destinadas ás pequenas e medianas empresas da nosa Comunidade Autónoma, coa finalidade de favorecer o establecemento de patróns sustentables de produción e consumo que evidencien que crecemento económico e protección do ambiente non son conceptos necesariamente desvencellados, senón que, pola contra, nestes últimos anos se ten constatado que os investimentos das empresas en materia ambiental acaban converténdose nunha vantaxe competitiva e traen consigo un beneficio, non só para o ambiente e a sociedade en xeral, senón tamén para as propias empresas, en aspectos tales como aforro de recursos, prevención e xestión axeitada dos seus residuos e prevención de riscos ambientais.

Apoiar as empresas na procura de respostas aos retos e oportunidades asociadas á innovación ambiental é o que se persegue coa presente orde de axudas destinada, dentro das competencias asumidas por esta consellería, a fomentar a realización por parte das empresas de actuacións e investimentos encamiñados, con carácter prioritario, á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental, prestando a súa colaboración económica aos proxectos realizados polo sector empresarial galego en materia de cambio climático, xestión dos recursos e dos residuos, implantación e mantemento no sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais (Eco-Management and Audit Scheme, EMAS) así como aqueles que teñan por obxecto a realización de estudos de análise de riscos ambientais.

Cómpre sinalar que estas subvencións están cofinanciadas nun 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao abeiro do disposto no Regulamento (CE) n.º 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; no Regulamento 1083/2006, do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión así como no Regulamento (CE) n.º 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan as normas de desenvolvemento do Regulamento 1083/2006.

As actuacións subvencionables están incluídas, segundo a distribución que se sinala a continuación, no eixe 2, categoría de gasto 06, actuacións 1 a 5, do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013:

a) Investimentos das empresas co fin de acadar unha redución das emisións á atmosfera ou unha mellora da calidade física e química do aire: 2.06.4.

b) Investimentos das empresas destinados a mellorar o seu comportamento ambiental en materia de xestión e uso sustentable dos recursos e os residuos: 2.06.1.

c) Estudos de análise e avaliación de riscos ambientais en instalacións industriais: 2.06.3.

d) A implantación e mantemento no Sistema Comunitario de Xestión e Auditoría Ambiental (EMAS): 2.06.2.

De conformidade co previsto no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, esta é o órgano da Administración da comunidade autónoma ao que lle corresponde, entre outras, o exercicio das competencias e funcións en materia de ambiente, consonte o disposto no Estatuto de autonomía de Galicia nos termos sinalados na Constitución.

Pola súa banda, segundo se sinala no citado decreto, a Secretaria Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental exercerá as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, o impulso da investigación ambiental e o desenvolvemento tecnolóxico e a súa posta en marcha para o logro da adecuada protección ambiental e o desenvolvemento de estudos e informes en materia de ambiente.

En consecuencia, procédese pola presente a facer públicas as bases reguladoras e a convocatoria destas axudas, para o ano 2012, destinadas a subvencionar as actuacións que se sinalan no ámbito das competencias atribuídas a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental coa finalidade de mellorar as condiciones ambientais e acadar un desenvolvemento sustentable na comunidade autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,